Monday 29 de April de 2024

Arranque das obras para a ampliación da antiga escola unitaria de Corrubedo


O Concello de Riveira informa do arranque das obras destinadas a ampliar a antiga escola unitaria de Corrubedo, edificio construído a mediados dos anos 50 do pasado século que, tras ser sometido a sucesivas reformas, hoxe está destinado a usos socio-culturais na planta baixa e a actividade administrativa no primeiro andar.

A empresa encargada destes traballos é Alberto Pérez Sampedro. A obra comporta un investimento de 105.182 euros e o prazo de execución son seis meses.

A día de hoxe a edificación consta de dúas plantas. A baixa ten unha superficie construída de 244,75 metros cadrados e a alta de 188,29 metros cadrados para un total de 432,95.

Debido á demanda do espazo socio-cultural que se desenvolve na planta baixa vaise a ampliar o seu volume actuando sobre a parte traseira do edificio coa creación dunha sala de usos múltiples con 137,17 metros cadrados de superficie. Ademais de estar conectado co resto do inmoble, este novo espazo contará co seu propio acceso exterior mediante unha rampa. Por outra parte, o proxecto técnico inclúe a mellora da entrada principal da antiga escola para facela accesible a persoas con mobilidade reducida.

Envolvente térmica
Por outra banda, cómpre lembrar que xa está presupostada con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación unha segunda fase destinada á mellora da envolvente térmica deste edificio de Corrubedo. Comporta un orzamento de 149.907 euros, o que eleva practicamente a máis de 250.000 o investimento efectuado no centro social.

Conforme ao proxecto técnico elaborado, aplicarase á fachada un sistema SATE ou similar (sistema multicapa composto por pranchas de poliestireno, malla de fibra de vidro e acabado con pintura acrílica) co que se optimizará substancialmente as condicións térmicas da estrutura.

Ademais, mellorarase o illamente do espazo baixo cuberta e renovaranse os caños e baixantes existentes, operarase na carpintería exterior substituíndo as portas de entrada e adecuarase o espazo externo na zona de entrada ao edificio a través dunha nova explanada a base de pavimento de pedra silvestre que contribuirá a mellorar a seguridade de acceso peonil. Así mesmo, crearase un pequeno espazo axardinado no lateral sur.

Esta actuación tamén ten un prazo de execución de seis meses.